1. OBXECTO

1.1 De acordo co que prevén os Estatutos de SOM ENERGIA, SCCL, e as decisións adoptadas polos seus órganos cooperativos, o capital social está constituído polas achegas obrigatorias das persoas socias, e tamén polas súas achegas voluntarias.

1.2 En ningún caso se inclúen nestas condicións os títulos participativos e o Generation kWh. Tampouco poderán acceder a estas achegas voluntarias aquelas persoas que non fosen aceptadas previamente como socias.

1.3 A persoa socia debe posuír como mínimo un título que se desembolsará integramente no momento de formalización da subscrición. Todas as achegas destinaranse ao desenvolvemento da cooperativa, en concreto, a favorecer a comercialización e produción de enerxía eléctrica proveniente de fontes renovábeis.

2. VALOR NOMINAL DE CADA ACHEGA Subir no índice ↑

2.1 O valor mínimo das achegas será de cen euros (100 €). Durante a primeira semana limitaranse as achegas a cinco mil euros (5.000 €) por persoa socia, para dar a máis persoas a oportunidade de participar. Se non se chega ao total requirido, ampliarase a achega até os cen mil euros (100.000 €) por cada persoa socia. A efectos de computar este máximo de 100.000 €, contaranse todas as achegas ao capital social voluntario que a persoa socia efectuara con anterioridade.

2.2 As achegas acredítanse mediante títulos nominativos, ou cadernos, fichas ou relación nominal de socios co seu correspondente importe, diferente para unhas ou outras achegas, sen ter en ningún caso a consideración de títulos valores.

3. XUROS Subir no índice ↑

3.1 As achegas voluntarias ao capital social de SOM ENERGIA, SCCL xerarán os xuros que determine de forma anual a Asemblea sen que se preestablecese ningún xuro mínimo, aínda que en ningún caso poderán superar o xuro legal do diñeiro.

3.2 A data a partir da que comezarán a devindicar os xuros a favor da persoa socia será a do día seguinte ao desembolso efectivo do importe correspondente ás achegas subscritas. Por «desembolso efectivo» enténdese o día do pagamento do capital voluntario á conta de SOM ENERGIA, SCCL.

4. TRASPASO Subir no índice ↑

4.1 A persoa socia pode traspasar as achegas voluntarias polas seguintes causas, de acordo co establecido na Lei 18/2015 de Cooperativas de Cataluña:

  1. Por actos «inter vivos», entre persoas socias, e nos termos establecidos nos estatutos sociais, e en exposición no taboleiro de anuncios da cooperativa, previa autorización do Consello Reitor.
  2. Por actos «mortis causa», os herdeiros substitúen a persoa causante na súa posición xurídica, subrogándose nos dereitos e as obrigas que tiña cara a cooperativa.

5. RETORNO DAS ACHEGAS VOLUNTARIAS Subir no índice ↑

5.1 A achega voluntaria ao capital de SOM ENERGIA, SCCL permanecerá na cooperativa até que a persoa socia solicite o seu retorno, sen prexuízo do que se establece na lei e nos estatutos sociais para as achegas cuxo reembolso poida ser rexeitado incondicionalmente polo Consello Reitor.

5.2 A persoa socia ten dereito a solicitar a SOM ENERGIA, SCCL o retorno das súas achegas en calquera momento.

5.3 De acordo cos Estatutos de SOM ENERGIA, SCCL, que en calquera caso prevalecerán sobre estas cláusulas, o Consello Reitor está obrigado a acordar o reembolso das achegas voluntarias até o límite do 10 % do capital social existente na data de inicio do exercicio económico en caso de que se solicite o reembolso, e sempre co límite anual de 1.350.000 euros, nos prazos establecidos no punto 5.6. Nos casos en que as solicitudes excedan este límite, os novos reembolsos están condicionados ao acordo favorable do Consello Reitor, que será libre de rexeitalas incondicionalmente, conforme os Estatutos da cooperativa.

5.4 En caso de baixa dunha persoa socia, esta ten o dereito a solicitar o reembolso das súas achegas voluntarias, sen prexuízo do que establecen a lei e os Estatutos sociais. Neste caso, os criterios que se aplicarán, de acordo cos Estatutos sociais, serán os seguintes:

  1. No prazo dun mes desde a aprobación das contas anuais do exercicio no que cause baixa a persoa socia, tense que proceder a fixar o importe definitivo do reembolso das súas achegas ao capital social, a partir do exercicio económico en que se produza a baixa e, se procede, da imputación de resultados que lle sexa atribuíbel. O Consello Reitor pode fixar un importe provisional antes da aprobación das contas e, se convén, autorizar un reembolso por anticipado, a conta do definitivo.
  2. Do importe definitivo do reembolso resultante, de acordo co parágrafo anterior, teñen que realizarse as seguintes deducións, cando conveñan:
    • Todas as cantidades que a persoa socia deba á cooperativa, por calquera concepto.
    • As procedentes por baixa non xustificada ou expulsión.
    • As responsabilidades que se lle poidan imputar e cuantificar, sen prexuízo da responsabilidade patrimonial en virtude do que establece a Lei de Cooperativas de Cataluña.

5.5 Ademais do que prevén os parágrafos precedentes, poden facerse as seguintes deducións:

  1. Se a baixa é xustificada, non se fai ningunha dedución.
  2. Non pode haber deducións sobre as achegas voluntarias.

5.6 A cooperativa debe efectuar o pagamento das achegas sociais no prazo pactado por mutuo acordo coa persoa socia ou, no seu defecto, no prazo que sinale o Consello Reitor e que non pode ser superior a cinco anos, a contar desde a baixa da persoa socia ou ben desde a data en que o Consello Reitor teña acordado o seu reembolso, conforme o artigo 35.4 da Lei 12/2015 de Cooperativas de Cataluña. Durante este tempo, a persoa socia que causa a baixa ten dereito a percibir o xuro legal do diñeiro pola contía pendente de reembolso.

6. RESPONSABILIDADE Subir no índice ↑

6.1 A responsabilidade da persoa socia polas obrigas sociais está limitada ás achegas ao capital subscritas, tanto se son desembolsadas como se non, sen prexuízo do que dispoñen os Estatutos sociais e a Lei de Cooperativas.

6.2 A persoa socia que se dea de baixa continúa a ser responsábel por cinco anos ante a cooperativa, coa limitación mencionada no parágrafo anterior, polas obrigas asumidas por esta con anterioridade á data da baixa.

7. DERECHO A DESISTIMIENTO Subir no índice ↑

7.1 Todas as persoas socias que formalicen este contrato disporán de 14 días naturais desde a data do contrato para desistir dos servizos. En caso de que se queira desistir, será necesaria a notificación a través do correo electrónico ou postal determinado nas Condicións xerais previstas no mesmo web de contratación, ou ben directamente a aporta@somenergia.coop.

7.2 En caso de exercer o dereito de desistencia, SOM ENERGIA, SCCL obrígase a devolver, dentro do prazo de 14 días naturais desde a notificación formal da persoa socia, a achega voluntaria, seguindo o mesmo método de pagamento que a persoa socia utilizase, agás en caso de que haxa outra indicación.

8. INFORMACIÓN BÁSICA SOBRE PROTECCIÓN DE DATOS Subir no índice ↑

8.1 Infórmase á persoa socia de que o responsábel de datos persoais facilitados no marco destas condicións é SOM ENERGIA, SCCL, que os ten que empregar unicamente para atender as súas solicitudes, realizar comunicacións informativas e enviar comunicacións comerciais sobre os produtos e/ou servizos de SOM ENERGIA, SCCL e en particular sobre a relación coa persoa socia da cooperativa. A lexitimación para este tratamento deriva da execución das presentes condicións, así como do consentimento que a contratante expresou cando se fixo socia de SOM ENERGIA, SCCL. Os datos conservaranse mentres se manteña a relación societaria e, no seu caso, durante os anos necesarios para cumprir coas obrigas legais.

8.2 No marco da execución destas condicións está prevista a cesión de datos, procedentes da mesma persoa interesada, a terceiras empresas cando sexa necesario para a prestación dos servizos contratados, como, por exemplo, asesorías fiscais e contábeis, bancos e caixas, administración tributaria ou outras administracións públicas, etc.

8.3 A contratante ten dereito a acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como outros dereitos, indicados na información adicional que figura na política de privacidade de SOM ENERGIA, SCCL, dispoñíbel no seu sitio web de Internet www.somenergia.coop, e pode exercer os seus dereitos ou atopar a información adicional dirixíndose ao responsábel de tratamento dos seus datos de SOM ENERGIA, SCCL:

  • Por correo postal dirixido ao enderezo:
    Parc Científic i Tecnològic de la UDG. Edifici Giroemprèn.C/ Pic de Peguera, 11 17003 Girona.
  • Por correo electrónico dirixido a gdpr@somenergia.coop
  • Por teléfono ao número gratuíto 900 103 605 ou ben ao 872 202 550

9. CLÁUSULAS MISCELÁNEA Subir no índice ↑

9.1 Coa aceptación destas condicións, a persoa socia declara coñecer e aceptar que a finalidade destas condicións non é, en ningún caso, ofrecer por parte de SOM ENERGIA, SCCL a favor do socio/a un produto financeiro, nin garantirlle rendibilidade financeira, senón permitir o desenvolvemento do obxecto social definido nos estatutos sociais de SOM ENERGIA, SCCL.

9.2 A notificación á persoa socia das operacións e comunicacións de carácter xeral derivadas da operativa destas achegas voluntarias realizarase prioritariamente por correo electrónico ao enderezo indicado nestas condicións. É responsabilidade do socio/a o mantemento correcto, en estado operativo, do correo referido.

9.3 En caso de incompatibilidade, as disposicións establecidas nos Estatutos sociais vixentes e nos acordos da Asemblea xeral prevalecerán sobre as presentes condicións. A declaración de calquera destas condicións como inválida ou ineficaz non afectará á validez ou eficacia do resto, que continuará a ser vinculante para a persoa socia e a cooperativa, que se comprometen neste caso a substituír a cláusula afectada por outra válida de efecto equivalente, segundo os principios de boa fe e equilibrio de contraprestacións.

9.4 Este contrato rexerase e interpretarase en todos os seus extremos polas leis españolas que resulten aplicábeis.

9.5 Todas as controversias que poidan xurdir en relación con este contrato someteranse á xurisdición dos xulgados e tribunais da cidade de Girona, agás en aqueles supostos nos que se dispoña doutro xeito imperativo pola normativa aplicábel a tal efecto.